Teta e Coliño apoia as reivindicacións de “Maternidades Feministas”
MATERNIDADES FEMINISTAS VIGO
Principios que nos rexen:
Cremos que é necesaria unha análise da maternidade dende unha visión feminista (ecoloxista, internacionalista, antirracista e anticapitalista). Así mesmo, é necesaria unha reflexión sobre os coidados, en toda a súa dimensión, dende esa mesma perspectiva.
Estamos radicalmente en contra da mercantilización dos nosos corpos (e os das nosas crianzas) e os nosos procesos reprodutivos e sexuais. Rexeitamos sen fisuras os ventres de aluguer.
Reclamamos respecto á infancia e o seu protagonismo na sociedade como suxeitos con voz propia. A maternidade será elixida ou non será. Cremos que sempre debe ser unha experiencia desexada. Polo tanto, estamos a favor do aborto libre, gratuíto e legal para todas as mulleres, en todo o mundo.
Entendemos que a maternidade é diversa, plural. Cada muller ten unha experiencia e unha vivencia válidas, fóra de idealizacións e estereotipos.
Apoio á lactancia materna como un dereito das mulleres e das crianzas e como un estándar óptimo de saúde, tanto individual como pública. Respecto incondicional ás decisións das nais respecto á alimentación dos seus fillos e fillas.
Denunciamos a existencia de violencia obstétrica como unha vertente máis da violencia machista. Dáse tanto no embarazo e parto como na etapa preconceptiva (especialmente en procesos de reproducción asistida ou de perda perinatal).
Visibilicemos as problemáticas socias, familiares, económicas, laborais, etc, que viven algunhas mulleres ao converterse en nais e esiximos a mellora da rede de soporte sociosanitaria pública, recursos dispoñibles, condicións sociolaborais, etc. Facemos fincapé na situación de risco que pode supoñer ser nai monomarental, migrada, racializada ou con diversidade funcional e reclamamos medidas específicas de soporte e corrección das barreiras. Denunciamos a falta de recursos sanitarios e sociais públicos para as nais e a infancia.
Loitamos polos dereitos das traballadoras empregadas (por conta allea ou autónomas) ou desempregadas, especialmente no tocante á conciliación familiar e laboral.
Recalcamos a responsabilidade que ten a sociedade de garantir as condicións axeitadas para o gozo e pleno desenvolvemento da maternidade e a crianza, para favorecer un proceso positivo e de desfrute para a muller que sen dúbida redundará na infancia.
Peticións e obxectivos:
Apoio e soporte con medidas e accións públicas a familias monomarentais, con diversidade funcional ou todas aquelas que se atopen en risco ou en situación de vulnerabilidade social.
Ampliación dos permisos maternos retribuídos mínimo a 6 meses como recomenda a OMS e idealmente a 1 ano.
Mellora das políticas de conciliación sempre dende unha perspectiva e análise feminista que teña en conta o sentir das mulleres.
Garantir recursos económicos suficientes para toda a cidadanía con medidas como a renda básica.
Atención respectuosa e empática en abortos (voluntarios ou involuntarios) e en morte perinatal. Implantación de protocolos de humanización e profesionalización de atención á morte perinatal).
Servizos sociais, sanitarios e escolares públicos, gratuítos e de calidade, dotados de orzamento, persoal e equipamentos axeitados.
Recuperación dos espazos públicos e privados para a infancia e as nais. A maternidade non pode penalizar o pleno gozo dos dereitos cidadáns.
Apoio real e actualizado tanto formal como informal na lactancia e na crianza.`