Hosting por

O día 5 de marzo de 2011 ás 22:48 ocorreu unha das cousas máis fermosas que lle poden ocorrer a unha persoa na súa vida. Ese momento que marca o inicio dunha nova etapa na vida dunha persoa. Ese momento que parece non chegar nunca e polo que estás agardando impaciente. Ese momento que creará un recordo inolvidable na túa vida. Ese momento que é a culminación dun proceso sorprendente que leva a aparición dunha nova vida onde meses antes non había nada.

Nese momento naceu Aroa, a nosa primeira filla.

Lembro como nada máis nacer Aroa foi colocada ao carón da súa nai, xuntas unha ca outra. Aínda que cansas polo esforzo, nesa posición ámbalas dúas semellaban tremendamente felices. Todo semellaba en harmonía, notábase no ambiente que estábamos a asistir a algo especial, a primeira vez que nai e filla se podían aloumiñar unha a outra.

Pouco despois cando Aroa tiña fame o máis natural pareceu continuar con ese contacto e darlle de mamar. Cun pouco de axuda uns minutos despois Aroa xa estaba mamando por primeira vez. Resulta sorprendente como a mesma natureza xa nos prepara para poder nacer co instinto de mamar e como os métodos actuais de parto parecen alonxarnos dese camiño.

Descubrir a expresión de  ledicia de Aroa cando se achega á teta para mamar, ver a súa cara de concentración mentras come, escoitar con atención os ruidos que fai ao tragar, recibir os  seus sorrisos e  observar a súa cariña de pracer mentras se vai quedando durmida , faime sentir tan dentro do proceso como a  nai. Neses momentos sinto unha profunda satisfacción e desfruto dun estado de felicidade conxuntamente con nai e a filla.

Por todo isto creo que a lactancia materna é algo especial non só para nai e filla senón tamén para o pai. Algo que a natureza nos permite disfrutar e que a sociedade actual nos trata de roubar. Por iso recoméndolle a todos os futuros pais que o proben porque seguro que non se arrepinten.
Javier Cacheiro, papá de Aroa