Hosting por

Quen somos?

 

Almu

Son Almu, mamá de tres pequechas.

Despois de nacer a miña segunda nena a nosa lactancia viu cargada de baches, ahí empecei a formarme como asesora de lactancia, pouco despois empecei a asistir as reunións de Teta e Coliño.

Nestes momentos estou formándome como asesora de porteo e con moitas ganas de seguir aprendendo sobre todo o relacionado ca maternidade.

antía

O meu nome é Antía López Arce. Son nai de Uxía nacida en xuño de 2014 e Xandre nacido en xullo de 2019, fisioterapeuta que traballa na Sanidade Pública e asesora de lactancia nesta Asociación.

A miña andaina ao carón de Teta e Coliño xurdiu unha vez superadas moitas das dificultades iniciais na lactancia e crianza. Durante estes anos lévome decatado da necesidade do apoio nai a nai dende o respecto, baseada na información veraz e permitindo unha escoita sen prexuizos.

A miña colaboración comezou en 2015 mentres realizaba a formación en asesoría de lactancia onde a adquisición de coñecementos non tiñan sentido sen levalos á práctica. Poder aportar acompañamento en momentos complexos onde semellas ser un bicho raro fixo que me incorporara a este proxecto e que continúe nel. Cada experiencia compartida permíteme comprender e aprender que nos momentos de vulnerabilidade, a escoita pode marcar a diferenza.

Yolanda

A maternidade abre moitas portas… Unhas son marabillosas. Outras… leva un tempo familiarizarse con elas.

Eu embárcome neste mundo no 2018.

Tiña moi claro que quería tecer unha rede de apoio de cara ao postparto (o meu gran medo era a xestión desa revolución hormonal cun ser pegado a min 24/7)

A matrona fálame de Teta e Coliño, á que fun por primeira vez cun bandullo de 36 semanas. “¡Ostras! – pensei eu – a xente di que grupos así buscarían o modo de “levarte polo regho”, ¡e resulta que non!”                                          

O que alí atopei vai máis alá das asesorías. Un grupo de iguais, de mulleres que buscan un tipo de crianza baseada no respecto, coas mesmas inquedanzas e unhas ganas inmensas de desfogar sabendo que vas ser escoitada e comprendida. Non dubidei en continuar acudindo, a pesar de que os inicios da nosa lactancia foron sen incidente algún e a día de hoxe continuamos (os incidentes viñeron máis tarde… ¡non nos fóramos confiar!)

Crer que asociacións coma esta son soamente para “dar solucións” ás dificultades durante a lactancia é deixar de lado todas as cualidades que é ter unha tribo. A escoita, o xogo, o intercambio de opinións, de recursos,… En definitiva, o enriquecemento da nosa nova tarefa como nais/pais. Eu aporto o meu graniño de area acompañando as reunións.

Rematei a formación de asesora de lactancia a principios de 2020. Inda teño moito que camiñar, pero é grazas ás demais voluntarias e ás familias que alí acoden, polas que vou aprendendo cada vez máis, tanto na materia de lactancia coma na importancia dunha escoita activa e respetuosa. ¡Todos aprendemos de todos!

bego

Son nai de Alexandre que naceu en 2015 e Mara en 2017. Traballo como enfermeira no Sergas. Meu camiño na lactancia comezou ao convertirme en nai, con algún atranco que conseguín solucionar gracias a unha amiga matrona que salvou a miña primeira lactancia e outra amiga enfermeira que salvou a segunda.
Con cada un dos meus fillos aprendín novas cousas sobre a fisioloxía do aleitamento e sobre as capacidades innatas que temos as mulleres como mamíferas que somos. Isto fixo que quixera aprender máis para axudar ás miñas amigas máis achegadas que ían converténdose en nais e que atravesaban polas mesmas dúbidas e problemas ca min.
Pouco despois do nacemento da miña segunda filla, unha persoa incrible púxose en contacto comigo a través das redes sociais para ofrecerme participar xunto a outras mulleres marabillosas deste fantástico proxecto que é Teta e Coliño, dando soporte e apoio a outras mulleres tanto en lactancia como en crianza. Ofreceume a posibilidade de formar unha tribo real e iso prendeu a chispa que me fixo formarme seriamente como asesora e replantexarme moitas cousas do meu propio futuro que nin sequera sabía que quería (por todo isto, gracias Bea).
Así que aquí estou, con moito por aprender pero con moitas ganas de facelo e de acompañar polo camiño ás familias que o precisen.

leticia

Son Leticia Pérez, nai de Area e de Xoán. Son licenciada en ADE e MBA, inicialmente nada que ver co apaixonante mundo da crianza e a lactación. Cando vivín en primeira persoa a maternidade, comprobei a falta de información coa que recibín esta etapa e o importante que son os grupos de apoio como fonte de coñecemento.
Cheguei á Asociación a finais de 2016, cando Area tiña apenas un mes, con moita “desinformación” e problemas de lactación. Fíxenme voluntaria e despois de compartir moitas experiencias de nai a nai, a finais de 2018 decidín formarme como asesora para poder seguir contribuíndo neste proxecto e acompañar a outras familias que así o desexen.
Agradezo cada experiencia da que as familias me fan partícipe, cada unha delas axúdame a crecer un pouco máis como persoa. Gracias a Teta e Coliño por permitirme seguir acompañando, aportando e recibindo tanto.

noemí

Son Noemí, nai de Antón, enfermeira e asesora de lactación. No ano 2013 chegou á miña vida un ser especial,que me ensinou a que me guiase polos meus instintos,e iso sempre nos levou a bó porto. O contar cunha tribo que nos escoita e nos apoia contribúe a reforzar o noso estilo de crianza.
Descubrin que encántame todo o relacionado co embarazo,a lactación, o puerperio e a crianza en xeral, así que cheguei á asociación facendo o curso de asesoría de Teta e Coliño. No ano 2016,co apoio da directiva e dunha nai voluntaria, abrimos a sede da Coruña,a cal pechou no ano 2019 por motivos persoais.

Actualmente colaboro coa asociación como asesora de lactancia e atendo outras necesidades da mesma.
Agradecer a tódalas aquelas familias voluntarias que fan que todo isto sexa posible. E unha chiscadela especial ás persoas que nos arroupan cada día: a miña parella e a miña nai

 

xoana

Son Xoana Pintos, nai de Julio e Victoria, educadora social e experta en intelixencia emocional. Cheguei á maternidade sen querer saber e sen información, e iso pasoume factura… Tras un primeiro parto traumático e o ingreso do meu bebé na UCIN, a lactancia materna axudoume a recuperarme, a querer informarme e buscar axuda. En Teta e Coliño encontrei unha tribu na que sanarme. Agora quero devolver toda esa axuda recibida ás familias que nola piden… Por iso me fixen asesora de lactancia e seguirei a formarme ano tras ano para ofrecer o mellor trato posible.

ana

Son Ana Torres, nai de Xoel e de Vento, e dunha estreliña no ceo chamada Lía. Sempre estiven moi interesada nos temas relacionados coa maternidade, e cando cheguei a ela dinme de conta de que era neste campo no que me quería formar como profesional. Son asesora de porteo e de lactancia, e educadora de masaxe infantil, e tento seguir aprendendo cada día.

A nosa lactancia tivo uns comezos bastante complicados e algo traumáticos, a pesar de que pensaba estar moi informada. Os grupos de apoio parécenmme un pilar fundamental a día de hoxe, no que tanto descoñecemento hai das necesidades reais dos bebés e das nais. Coñecín a Teta e Coliño e empecei a ir ás súas xuntanzas a raíz de querer aprender máis sobre lactancia e ser de axuda, e é un pracer acompañar, compartir e aprender das familias e das miñas compañeiras.

Contacta

Blog Posts